Opinión | DE BOLINA

Sonámbulos (e II)

Escribiamos neste mesmo espazo hai dúas semanas –e sempre de acordo con “Sonámbulos”, o ensaio da autoría do profesor Christopher Clark– que, diante do que se puidera considerar nunha primeira estima, a situación europea por volta de 1914 –vésperas da Primeira Guerra Mundial– está menos lonxe de nós agora do que sucedía na década de 1980. En efecto, tras a fin da Guerra Fría, e malia o nítido triunfo dos Estados Unidos, un conxunto de forzas novas, complexas e imprevisibles, deron en conformar unha conxuntura na que converxen vellos imperios que pulan por renacer á canda doutros poderes emerxentes a alzaren as súas voces. Daquela, e ao xeito de 1897-1914, os diversos líderes políticos alertan do perigo da guerra asemade que convocan os países para un rearme xeral.

Entre novembro de 1884 e febreiro de 1885 tivo lugar a Conferencia de Berlín. Como é ben coñecido, o resultado da mesma foi o reparto de África entre os diferentes imperialismos europeos. En teoría, tratábase dun punto e final para as desputas coloniais. Mais só en teoría.

Porque para alén de conflictos puntuais de doado veredicto –velaí o incidente de Fachoda entre franceses e ingleses (1898) o aínda o ultimato destes últimos a Portugal en 1890–, a realidade foi que, a pesar de que a xuntanza se celebrase na capital do Reich, os dirixentes deste nunca quedaron satisfeitos coas asignacións efectuadas na mesma. Antes ben, e por máis que intentase construír unha mariña de guerra capaz de competir coa todopoderosa Royal Navy en todos os mares do mundo, o Imperio alemán –e canda del o seu vacilante irmán, o Imperio austro-húngaro– foi comportarse talmente, así o definiu Álvaro de Figueroa, conde de Romanones, como “unha posición sitiada.” Xa que logo, fose semellante perspectiva plenamente real, ou apenas produto dun psiquismo político desequilibrado, o certo é que unha crise podía afectar, máis cedo ou máis tarde, o devir dos acontecementos.En xullo de 1914 os nervios –os dos uns pero tamén os dos outros– non deron xa para máis.

O 25 de decembro de 1991, Mikail Gorvachev, derradeiro presidente da URSS, entregaba os poderes do Estado soviético ao presidente de Rusia ao tempo que a bandeira vermella era arriada do Kremlin. Desde logo, os Estados Unidos aparecían como a única verdadeira superpotencia mundial. Para algúns, a Historia arribara á súa fin.

Por razóns psico-históricas e psico-políticas devén comprensible que Hungría, Polonia, Eslovenia, Romanía…, os países bálticos buscasen entrar a formar parte canto antes do Tratato de Washington. É certo así mesmo que desde unha perspectiva –histórica pero tamén actual– de prestixio ideolóxico e político devén asemade explicable que América e mais a Europa occidental acollesen con afecto a proposta. Porén, non estaba tan claro en ningún caso que esoutros argumentos de carácter xeo-estratéxico –e incluso xeo-político– xustificasen si ou tamén a expansión da OTAN deica o mesmo pé das fronteiras rusas. O que é máis: semella perceptible que existían de veras outras posibilidades e, de feito, non faltaron aqueles a consideraren a panorámica dunha “finlandización” que ocupase desde as costas árticas deica esoutras do Mar Negro e incluíndo na ampla franxa –e para alén da propia Helsinki- Tallín, Riga, Vilna, Varsovia, Brastislava, Bucarest… e, nin que dicir ten, Kíiv, capital de Ucraína.Mais fose como fose, a errática –por denominala dalgún xeito; velaí as desfeitas no norte de África ou no Oriente Medio– política exterior norteamericana durante estas dúas primeiras décadas do século XXI, unida á completa carencia de calquera alternativa por parte dos aliados europeos, determinaron actitudes e condutas que raiaron, e raian aínda, na temeridade.

Porque só a imprudencia, cando non a pura e simple soberbia, pode describir a displicencia occidental diante do ascenso ao poder de Vladímir Putin e mais os seus como asemade respecto da disposición por parte de Pekín verbo dos novos dirixentes do Kremlin. Desconcerto, daquela, que incide nesoutra ensoñación americana –pero tamén de certo pensamento supostamente progresista; alá cada un con quen acepta compartir cama– en relación a que unha nova presidencia Trump viría, seica, poñer punto e final ás actuais controversias con Moscova e, de aí, un mundo en paz e felicidade.

En fin, debería estar claro para tutti quanti que Europa precisa dunha verdadeira política de seu. Militar, desde logo –o pacifismo polo pacifismo pode dar no peor dos paradoxos– pero xamais só apenas militar. Os nosos dirixentes saben dabondo que entrar en combate significa estar ás portas dun novo Armagedon. Sábeno pero…senten iso mesmo nos seus corazóns? Están, ao cabo, despertos ou, simplemente, andan a vagar sonámbulos?

Suscríbete para seguir leyendo