Opinión | DE BOLINA

Sonámbulos (I)

“Estamos nunha época de preguerra. Non esaxero”.Velaí a tallante advertencia enunciada recentemente por Donald Tusk, actual primeiro ministro de Polonia. Unha estima, a de Tusk, que entra en directa consonancia polo demais con esoutras vertidas así mesmo por diferentes personalidades ao longo de toda Europa, tal vén ser o caso do ministro de Defensa alemán, Botis Pistorius; da presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen ou, máis próxima a nós, da ministra de Defensa española Margarita Robles quen aseverou respecto da necesidade de permanecermos alerta arreo diante dun “perigo real” de conflagración. Da súa parte, o alto representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, veuse aínda na conxuntura de ter que saír ao paso do ronsel de declaracións belicistas, predicando un pouco de prudencia. E é que, segundo el, “a guerra non é inminente”: un testemuño que, acaso, tampouco chegará para tranquilizar demasiado os espíritos atribulados. En fin, no medio e medio de temores e desconfianzas, e tal e como foron recoller os diferentes medios, eis que a Rede de Investigación de Bólidos e Meteoritos, do Instituto de Ciencias do Espazo (ICE-CSIC) tivo que aclarar que aquilo que asucou nos pasados días o firmamento nocturno do leste peninsular constituíu apenas lixo espacial, e que en ningún caso viña conformar –como algúns si consideraron nun primeiro momento– a presenza dun mísil balístico sobre os ceos españois.

“Os protagonistas (de 1914) eran como sonámbulos, vixiantes pero cegos, angustiados polos soños, pero inconscientes ante a realidade do horror que estaban a piques de traer ao mundo”. Con estas palabras conclúe o catedrático de Historia Moderna da Universidade de Cambridge, Christopher Clark, o seu magnífico ensaio “Sonámbulos” (2015) –do cal tomamos prestado o rótulo para a nosa crónica semanal– arredor do conxunto de circunstancias a determinaren que Europa fose á guerra no ano 1914.

“Imperios en decadencia loitan por renaceren; poderes emerxentes buscan alzar as súas voces”

Non pretendo, desde logo, parafrasear aquí e agora a Hegel e/ou a Marx, e reiterar en consecuencia aquilo de que a historia acontece dúas veces. Asemade entendo tamén que han de ser uns cantos/bastantes aqueles/as a obxectaren axiña que a situación, os escenarios que estamos a habitar na nosa actutalidade deveñen moi diferentes desoutros vividos hai cento dez anos e de aí, polo tanto, que calquera comparación que pretendamos levar a cabo careza de alicerces sólidos. Mais é o caso de que ocorre con certeza, e tal e como o profesor Clark vén puntualizar, que calquera lector do século XXI que siga o curso da crise do verán de 1914 ha de quedar abraiado, sen dúbida, pola súa crúa modernidade. De feito, engade outra volta o estudoso británico, poderíamos dicir que xullo de 1914 está “menos lonxe de nós (…) agora que na década de 1980”. E é que, en efecto, a fin da Guerra Fría, co colapso da estabilidade bipolar Nato/Pacto de Varsovia, deu paso a todo un conxunto de novas forzas complexas e, sobre todo, dabondo imprevisibles. Se nun principio os Estados Unidos –vencedores da longa xeira 1945-1991– viñeron asentar como a única superpotencia mundial verdadeira, debullamos agora unha conxuntura na cal imperios en decadencia loitan por renaceren das súas cinzas ao tempo que novos poderes emerxentes buscan alzar as súas voces. Os enfrontamentos, xa que logo, son diversos e teñen lugar en diferentes espazos por todo o planeta. Porén, e tal e como sucedera en 1914, a vella Europa anda a sentir o latexo angustiado de vir dar outra volta no epicentro da controversia.

Como é ben coñecido, os europeos de 1897-1914 asistiron a toda unha carreira armamentista cuxa finalidade residía seica, e tal como subliñaban os políticos do período, en facer imposible a guerra por mor do medo ás destrucións que esta iría causar en todos os participantes. A Europa de agora mesmo chama ás armas. Trátase dunha reacción pertinente ou, ben polo contrario, desoutra máis propia dun sonámbulo? Tentaremos avanzar na cuestión –e logo dos 50 anos do 25 de abril– nunha segunda crónica aos efectos.

Suscríbete para seguir leyendo