Opinión | De bolina

The Only Game in Town

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez. / Ángel García

Entre nós titulouse El único juego de la ciudad (1970), dirixida por George Stevens e con Elizabeth Taylor e Warren Beatty nos papeis protagonistas. Correspóndelle a Frank Carlucci –embaixador norteamericano en Lisboa e, posteriormente, número dous da CIA e secretario de Defensa durante a xeira de Ronald Reagan– a utilización do rótulo cinematográfico para cualificar a quen deviría primeiro ministro e, a continuación, presidente da República Portuguesa, Mário Soares. E é que, en efecto, e diante das reticencias do daquela secretario de Estado dos USA, Henry Kissinger –e no transcurso do denominado “Processo Revolucionário em Curso” que seguiu ao 25 de abril de 1974–, Carlucci foi declarar, entón, a súa plena confianza en Soares, a quen foi definir precisamente como “The Only Game in Town”.

Pois ben; para propios e alleos. Para as xentes de sexo fluído, pero así mesmo para os heterosexuais convictos, amantes das emocións fortes. Para parellas liberais e abertas, mais tamén para matrimonios “de toda la vida”. Para federalistas, confederalistas e independentistas presuntos ou confesos, pero asemade para os defensores da sagrada unidade das Españas. Para os que devecen por demostraren o nome e apelidos de ministros/as e ministrables varios como aínda para os máis ignaros na cousa política. Para afervoados e afoutos, mais igualmente para ignavos, dóciles e frouxos. Para crentes, ateos e agnósticos ma non troppo... Mal que lles pese a tutti quanti –e concordando co anuncio, anos 90, da célebre bebida refrescante de cuxo nome non me quero acordar–, e por máis que non falten tampouco os/as dispostos a pereceren nos infernos da negativa, velaí que acontece agora mesmo en España, arquipiélagos, autonomías revoltés e etc., que Pedro Sánchez Pérez-Castejón, tal e como Soares no seu día, resulta ser así mesmo e para ben/para mal/para o infinito e máis alá, o noso particular “The Only Game in Town”. Ou traducido convenientemente ao cheli, “El p*to amo”.

O único xogo da cidade para os seus, desde logo; os cales, tal e como esoutros devotos sabinianos de Santo Antonio, foron camiñar nos pasados días, desconsolados, polo bulevar dos soños rotos na procura de amorosos bicos –ou sequera da suxerencia dos mesmos– por parte da súa única e posible Macorina redentora. Mais igualmente “The Only Game in Town” para os irmáns desviados da ortodoxia socialdemócrata, xa residentes nas procelosas avenidas, rúas e prazas dun Madrid asilvestrado, xa habitantes aínda das terras en rebeldía do norte e nordeste peninsulares: todos eles, ao cabo –e por moito que esoutro Pedro/Pere (Aragonès, of course) se queira desmarcar; de certo que todos somos valentes e audaces “a toro pasado”– convencidísimos de que o actual inquilino da Moncloa vén conformar algo así como o emblema, salvagarda… baluarte e antimural Robin Hood/Capitán Trueno do progresismo español pero tamén aínda desoutro que non se confesa como tal, mais que ten de conducirse como tal cando soan as alarmas. En fin, Sánchez transformado, entón, na clave certa, na doela de bóveda de procederes diversos que teñen en común o seu apaixonado rexeitamento –case con consecuencias de saúde física– diante de calquera tic ao cal non vacilan en alcumar como retrógrado e/ou propio da ingrata “fachosfera”.

"Entre todos e todas, están (ou estamos) a converter o Sr. Sánchez en The Only Game in Town"

Todo un señor presidente do Goberno, xa que logo, como marido namorado e fiel de Begoña, de todas as begoñas do progresismo hispano. Mais Pedro aínda como amante bandido, american gigoló ou Pichi castigador para as hostes furibundas da dereitísima: isto é, xentes moi dispostas arreo a puxaren, embestiren..., acometeren e turraren sen tregua nin lecer contra a que consideran a súa indiscutible e indiscutida Némese. Mais tamén unha afluencia, ao tempo, tan obsesionada e obsesa por convertelo no alvo, na diana onde vaian parar todas as frechas, disparos e dardos envenenados que seica resultan incapaces de percibiren que, con semellante proceder, así mesmo eles/as están a aceptar –se non de iure, si de facto e tanto que tal!– o seu odiado Sánchez como “The Only Game in Town.” En fin, doutores ten de certo a Igrexa Popular de Feijóo/Ayuso; porén, xa foi advertirnos o mago terrible Giulio Andreotti aquilo de que o poder desgasta moitísimo a quen non o ten.

“Despois dun inverno malo, unha mala primavera. E que acontece, como nos versos/acordes de Fito, que non vai escampar? Apenas “sostenella y no enmendalla?” Meu prezado/a inxenuo, non se me apure Vde. Como anotaba a peza de Marsillach, a honradez é recompensada sempre (en España). Ou non.

Suscríbete para seguir leyendo