Opinión | DE BOLINA

Galiza reducida, reducir Galiza (I)

Mapa del Reino de Galicia, dibujado a finales del siglo XVI

Mapa del Reino de Galicia, dibujado a finales del siglo XVI / 13fotos

‘Galicia reducida. Crítica ao marco conservador e centralista do autogoberno galego’. Velaí o título do ensaio do xornalista e asesor político Rodri Suárez, que vén de publicar nas pasadas semanas a editorial Morgante. Sen dúbida, un rotulado que invita á lectura; sobre todo, cando na contracapa do volume xa se nos advirte de que “é o momento de mirarse o embigo e recoñecer que a autonomía galega se construíu cun imaxinario conservador, que segue vixente e en demasiadas ocasións coa axuda da propia esquerda”.

Para demostrar a súa tese, parte Suárez do feito certo de que en Galiza e nas eleccións xerais de 2019, a esquerda estatal e mais o nacionalismo obtiveron o 52,3 % dos votos emitidos mentres que as forzas da dereita non superaron o 40,1%. Nese mesmo ano, e agora nos comicios municipais, o resultado foi dun 48% para o conxunto progresista perante o 36% acadado polo Partido Popular. Xa situados no 2020, e agora na convocatoria autonómica, a suma PSOE+BNG non pasou, secasí, do 43% ao tempo que os populares atinxían un 48%. Mais engadiremos aínda da nosa parte que nas municipais do 2023, esquerda e nacionalismo sumaron un 46,43% fronte ao 38,46% dos conservadores. Nas xerais desa mesma xeira, PSOE+Sumar+BNG acadaron un 50,26% fronte ao 43,55% do PP. Porén, nas autonómicas do ano en curso, a suma da esquerda non foi para alén do 43% ao tempo que o PP subiu até un 47,39%. Xa que logo, e á vista de semellantes datos, coido ben que cabe preguntarnos, á canda do propio Rodri Suárez: e por qué acontece tal? Onde a explicación de semellantes resultados dispares?

A resposta ofrecida polo autor que estamos a citar vén ser esa mesma que xa ficou adiantada: a autonomía galega parte dun discurso que alicerza nunha realidade social que, para o caso que nos ocupa, deveu nun marco conformado entre fins dos 70 e mediados dos 80.Un marco cultural –coa súa correspondente proxección política– nitidamente conservador.Asemade, non deixa de acrecentar aínda Rodri Suárez estoutro episodio: trátase do peso da cidade de Santiago de Compostela, convertida no epicentro dun xeito centralista que se retroalimenta arreo –e, desde logo, en “modo” decididamente retrógrado– en prexuízo evidente desoutras dúas grandes urbes do país: Vigo e A Coruña.“Os mesmos partidos políticos galegos alimentaron esa tendencia reducionista (…) como se só fose ´galega´a política da que se fala en Compostela e non a que se fai fóra dese ecosistema, cada vez máis de nicho e afastado do interese popular”, conclúe Suárez, quen aposta por desconcentrar a autonomía, repartindo organismos por todo o país.

“O resultado dos comicios locais non se traduce necesariamente nesoutros de carácter estatal e viceversa”

En fin, e con certeza, estamos diante dunha teorización atractiva e provocadora. No entanto, leva razón o seu instrutor? Deveñen, en efecto, as cousas tal e como as vén describir?

Comecemos por Vigo. O PSOE descende aquí desde un 60,87% nas últimas municipais (2023) a un 37,19% nas xerais (tamén de 2023) e até apenas un 20,05% nas autonómicas do 2024.Alguén obxectará acaso que se trata do “efecto/contraefecto Caballero, toda unha singularidade. Pode que así sexa; porén se acudimos agora a Allariz, observaremos que o BNG obtivo alí o 47,97% dos votos nas municipais para conservar soamente un 24,81% nas xerais e volver subir até un 49,13% nas autonómicas. Da súa parte, os socialistas foron pasando na vila ourensá, respectivamente,desde un 12,51% a un 25,85% e, xa no 2024, a un magro 10,11%. E se nos trasladamos agora ao concello coruñés de Carballo, poderemos constatar que o BNG acadou un 53,37% nas municipais do 2023, do cal apenas retivo un 12,45% nas xerais dese mesmo ano, ascendendo logo a un 36,99% nas autonómicas do 2024. Mentres, para o PSOE, os resultados foron dun 10,72%, un 28,32% e un 9,94%.. E xa no caso do PP, os conservadores deviron dun 28,67%, a un 43,97% e, finalmente, a un 46,70%. En 2024. En fin, é posible reiterarmos a comparación noutros diferentes lugares da xeografía galega. A conclusión, xa que logo? Tal semella que se ben é verdade que as árbores non deixan ver o bosque, non é menos certo que este nos pode impedir, á súa vez, considerar os matices. Traducido: para alén da bipolaridade municipais/xerais /vs/ autonómicas, resulta así mesmo perceptible a confrontación entre os comicios locais e aqueloutros de carácter estatal; o resultado dos uns non afecta –non necesariamente– os outros toda vez que unha boa parte do electorado percibe que en cada un deles está a xogarse unha partida ben diferenciada.

Mais aínda así, certo é que a gran pregunta se mantén, con todo, en pé: de acordo, pero…cal vén ser o motivo, ao cabo, da singularidade dos resultados das eleccións autonómicas? Desde logo, tentaremos volver sobre iso na próxima entrega de “De bolina”.

Suscríbete para seguir leyendo