Opinión

Togas contra mitras

O profesor Francisco Rico Manrique (1942-2024), recentemente falecido, dedicou numerosos traballos (‘El sueño del humanismo’, 1993, ‘Nebrija frente a los bárbaros,‘ 1978) a ponderar o pensamento humanista, construído sobre as sabias experiencias do mundo clásico greco-latino. Pero antes, moito antes, tivemos que asistir a unha guerra da tinta persistente e porfiada que librou batallas sen fin no campo ideolóxico empregando como ferramenta o libro. Referímonos á guerra entre cristianismo e paganismo que ten un momento decisivo no século IV que coincide coa universalidade da cultura cristiana pero que se prolongará por medio de numerosas batallas ilustradas por centenares de libros. O choque brutal entre, por unha parte, unha alta cultura politeísta asentada na sabiduría dun discurso filosófico e literario canónicos e, por outra, o discurso monoteísta e retador dos cristiáns prolóngase durante moitos séculos porque o sistema educativo romano, incluídos autores e deuses, continuou ata que as escolas episcopais e monásticas estiveron en condicións de reemprazalo por unha educación que, malia a débeda contraída co sistema clásico, era esencialmente de orientación cristiana. A batalla ideolóxica foi incesante ao longo da historia: togas senatoriais contra mitras episcopais, anfiteatros e termas contra igrexas e albergues, púlpitos contra foros e prazas. Non obstante, a dependencia e inferioridade da igrexa a respecto da cultura tradicional clásica greco-latina era tan evidente que o único recurso foi a cristianización paulatina da tradición pagán. E así teremos capítulos medievais tan sorprendentes como un “socratismo e platonismo cristiáns” ou un “Ovidio moralizado” que non era outra filosofía que defender a sabiduría clásica como premonición da doctrina cristiana ata o punto de tomar o indiscutido “nosce te ipsum” (‘coñécete a ti mesmo’) socrático como “coñécete a ti mesmo como imaxe finita e dependente de deus”. Ata tal punto que en algunha obra medieval, como nos conta José Antonio Maravall (‘Estudios de Historia del Pensamiento Español. Edad Media’, 1983) chega a ser tratado Platón como “Padre” integrante dun claustro monástico. Un exemplo moi ilustrativo desta tendencia cristianizante da cultura clásica é o culto medieval á Virxe María que superpón o sentimento de maternidade sobre do sentimento erótico e gozoso da cultura clásica como nos relata E.R. Curtius. E non faltou o intento de cristianizar os días da semana: ‘dies lunae’ (día da Lúa), ‘dies Martis’ (día de Marte) etc. por “segunda feira”, “terça feira” a respecto do día do Señor que non prevaleceu en toda a Romania, poñer unha cruz en cada encrucillada para combater a posible orientación que facilitaban aos camiñantes os deuses, Lares Viales, protectores do fogar, de camiños e cidades ou erixir capelas en castros e montes de tradición pagá.

Todo este proceso colonizador pasou por distintas fases de convivencia pero foi a causa da perda de numerosos textos clásicos porque a maior parte dos cristiáns non se interesaron na súa lectura e non se fixeron copias novas das obras para asegurar a súa pervivencia tendo en conta que era unha época de guerra e destrución.

Ben é verdade que o mérito literario dos clásicos grecolatinos era dabondo para incitar a súa lectura dado que non existían textos de autoridade entre os clásicos cristiáns. De aquí que para atraer ao cristianismo ao pagán ben instruído era presentar certos conceptos da nova fe susceptibles de ser discutidos en termos tomados da filosofía clásica, nomeadamente os estoicos e Platón que podía ser elevado ao extremo do exemplo que citamos anteriormente.

Estas circunstancias arredor dos textos clásicos e do seu extravío, xustifica e explica doadamente o afán do humanismo como rescate utilizando as fontes árabes e siríacas que dedicaran un esforzo intelectual grande a traducir as obras clásicas grecolatinas que, en parte, chegaron a España a través da denostada invasión árabe. Este mesmo afán de rescate xustifica a figura de Aldo Manuzio como figura do humanismo como editor de textos gregos que encargaba aos máximos especialistas do momento, incluído Erasmo, e que serán fundamento remoto da actual crítica textual.

Suscríbete para seguir leyendo