Entrevista | Marta Gontá Cordeiro Portavoz da plataforma Por Unha Ulloa Viva

“O proxecto de Altri para a planta de Palas non ten en conta a xente que vive neste territorio”

“O Ulla non posúe un caudal suficiente como para que o verquido non faga cambios sustanciais na auga”

Marta Gontá posa nun bosque do entorno da Eira da Xoana, na parroquia agoladesa de Ramil.

Marta Gontá posa nun bosque do entorno da Eira da Xoana, na parroquia agoladesa de Ramil. / FDV

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

A falta de saber cántas alegacións se presentaron ao Estudo de Impacto Ambiental da planta para celulosa soluble e lyocell de Palas de Rei, si que podemos afirmar que a maioría delas son froito do intenso traballo da plataforma Por unha Ulloa Viva que, en vista do interese e rexeitamento que espertou o proxecto, está agora organizada en distintos grupos de traballo noutras vilas e cidades, porque ·“a xente toma este problema como un problema seu, de toda Galicia, non só da Ulloa ou da Ría de Arousa”, di Marta Gontá, unha das persoas voceiras deste colectivo veciñal.

–Vostede e eu coñecémonos en xaneiro, cando estaba a exposición pública o proxecto de captación de augas e de verquido para esta fábrica. Pero, canto tempo leva funcionando Por unha Ulloa Viva?

–Puxémonos en marcha en decembro de 2023, despois da segunda charla que organizaramos en Palas e para a que lle pediramos tanto á Xunta como a Altri e ao concello que viñeran explicarnos o proxecto, porque xa pasara un ano da última vez que solicitaramos información e nos deixaran plantados. Nós en decembro de 2022 prepararamos unha xornada con diferentes expertos, a Xunta,a empresa e o concello, pero só veu o alcalde. Nesa segunda charla, a do pasado mes de decembro, volvemos quedar plantados, pero xa tiñamos máis información, porque xa sabiamos que era unha planta combinada. Tamén é certo que a empresa, na primeira cita, díxonos que non podía acudir pero que viría en xaneiro do 2023, e pasou todo un ano.

–A empresa si organizou despois xornadas nos concellos afectados. ¿Aclaráronlles dúbidas?

–Nós o que queremos é que nos expliquen o que pón no proxecto. Non nos vale, por exemplo, que preguntemos por qué precisan 46 millóns de litros de auga ao día e por qué devolven 30, e nos respondan que só a usan. O único que sacamos en limpo son dúas cousas: que a empresa non veu antes a Palas porque o proxecto e o Estudo de Impacto Ambiental non estiveron rematados ata este ano 2024, e que si vai haber un produto para vender, que é a celulosa soluble.

Sen solventar a contaminación do aire e da auga, así como a ubicación, non podemos estar de acordo coa fábrica

–A propia empresa recoñeceunos aos medios que quizais lle fallou unha maior difusión do proxecto.

–No Estudo de Impacto Ambiental está moi claro o que quere facer Altri, e iso para esta zona non vale porque non é compatible coa maneira de vivir da xente nin coa economía desta contorna.

–Unha das ubicacións que se barallaron foi a da Mariña, e cambiouse para o Ulla polo cauce do río. Claro que o impacto pode ser maior, polo transporte da madeira, por exemplo.

–Un dos peores impactos vai ser precisamente sobre a auga. A empresa pon un caudal de 7,87 metros cúbicos por segundo (m3/s) no Ulla, con datos históricos pero sen mencionar o ano. E resulta que celulosas en Europa precisan un caudal de 162 metros cúbicos por segundo, e o que teñen no Texo é de máis de 480. O Ulla non ten caudal para esta solución porque, por exemplo, en setembro de 2017 era de 0,8 m3/s. Así que a fábrica non vai dispoñer de caudal para a dilución, é dicir, o río non vai ter agua suficiente como para que o verquido non faga cambios sustancias na calidade da auga. Polo aporte en nitratos e químicos orgánicos, van medrar as algas e o río vai ter menos osíxeno, co que a calidade de auga vai ser peor para os concellos que beben do Ulla, e chegará á ría de Arousa en peores condicións.E xa só unha captación de 46 millóns de litros vai provocar que o resto de contaminación que leva o río ó longo do seu cauce vaia menos diluida que cando chegou. O desta planta non é un estudo que teña en conta o cambio climático. E outra cousa: a captación de auga tamén podería seguir o trazado da autovía e non atravesar tantas fincas,pero é máis caro. É máis, se a captación vai polas fincas, nesas parcelas non podes plantar entre 6 e 10 metros, e poden entrar nelas sen avisar ao dono.

–¿A captación e verquido da auga usada son o peor impacto?

–É un deles. Sobre a contaminación do aire, este proxecto non ten en conta a orografía, non está adaptado á zona. Non sabemos qué vai pasar cos axentes contaminantes, pero si que se van emitir por día 8.754 kilos de óxidos nitrosos, óxidos sulfurosos e material particulado. A promotora di que non haberá problemas de saúde grazas á chimenea, pero resulta que ésta non é máis alta có Farelo ou có resto de montañas próximas, así que non vai esparexer tanto. E se temos 3 ou 4 días que non faga aire, esa contaminación vai quedar enriba da fábrica. En resumo, para nós o proxecto de Altri asoballa á xente, non ten en conta a xente que vive neste territorio. E nós non podemos estar de acordo con este proxecto mentres non se solventen as cuestións da contaminación do aire e da auga, pero tamén a da ubicación, porque o sitio onde plantexa construir a fábrica ten unhas características únicas.

–Volvendo ao tema da auga, temen que Altri contemple ese máximo de 46 millóns diarios para outro tipo de industria? Axuda algo a que recolla auga de chuvia?

–A min dame igual que usen a auga para lyocell, para reciclaxe ou para regar o céspede, porque o dano xa está feito. O produto é o de menos, o importante é a auga que gastan e que non devolven. Sobre a recollida de auga de chuvia en balsas, o que estás facendo e deixar de alimentar as balsas subterráneas e ao río Ulla, e temos que pensar que sen chuvia non hai crecida de cauces. Isto non nos deixa máis tranquilos.

–¿É un proxecto bo para a Mariña, e non para aquí?

–O Ulla está contaminado e non ten caudal, dío Augas de Galicia. Eu creo que non é un proxecto bo nin para aquí nin para ningún sitio, pero non me atrevo a dicilo sen coñecer as características doutro sitio.

“Hai tantos erros tan graves no estudio ambiental que sabemos que algún técnico da Xunta vai parar isto”

–Calculan que se presentaron máis de 20.000 alegacións. Agora queda esperar a que se incorporen nunha nova versión do proxecto. Confían en que haxa cambios?

–Por parte da empresa, temos cero confianza en que faga algo. Si confiamos nos técnicos da Xuna que teñen que facer a avaliación, porque hai tantos erros tan graves no Estudo de Impacto Ambiental que algún técnico vai parar isto.

–Altri organizou visitas guiadas ás súas celulosas de Portugal para medios de comunicación, políticos de concellos afectados, docentes e estudantes. ¿Estarían dispostos a formar parte dunha desas visitas?

–A min éme igual o que teñan en Portugal, o que quero é que o que monten en Galicia sexa viable e sostible. Eu si creo que a empresa vai empregar tecnoloxía de última xeración para contaminar menos, pero nós baseámonos nuns datos que presenta a empresa para obter uns permisos. E unha vez que se outorgue esa concesión vai ser por 75 anos, con datos que non se sosteñen e que son dun río que nada ten que ver co Ulla.

–Temen que a plataforma acabe sendo usada ou apoiada con fins políticos?

–Nós somos apartidistas, é certo que o BNG deu un paso á fronte e está intentado axudar a parar esta fábrica, e ogallá houbese tamén voces discordantes do PP. Imos aceptar toda a axuda que poida vir. A plataforma ten un obxectivo claro: que Altri non se instale na contorna.

Suscríbete para seguir leyendo